|
| Igrexa de Vilar de Donas |
|
Declarada Monumento Nacional, a Igrexa de Vilar de Donas formou parte dun mosteiro fundado no século XII por dúas señoras da familia Arias de Monterroso. Deste antigo mosteiro que logo pasou á Orde Militar de Santiago, e dende o que esta orde protexía aos peregrinos dos asaltantes de camiños que por aquí pululaban, só se conserva parte do claustro exterior, a ábsida románica e as célebres pinturas da ábsida.
Ademais da cabeceira románica formada por tres ábsidas, que se continúa por unha nave de ambientación xa proto gótica, destaca tamén a fachada de estilo románico-oxival, de rica ornamentación a base de motivos vexetais e fermosos capiteis historiados que sustentan tres arquivoltas de medio punto.
Pero sen dúbida un dos puntos de maior interese desta igrexa son as pinturas murais do interior de ábsida central que datan dos tempos do rei Xoán II (1406-1454). Son pinturas de estilo elegante que representan figuras alongadas con ricas vestiduras e rostros con expresións melancólicas.
Nestas pinturas represéntanse escenas do Antigo e Novo Testamento e nunha aparece o monarca coa súa familia. Na bóveda está representado o Salvador sedente e na parte central aparece o tema da Anunciación. Na parte baixa, no centro represéntase o Cristo das Dores.
Tamén do século XV data un fermoso baldaquino de estilo gótico-flamíxero que remata en forma de pirámide coroada por un castelo que evoca o carácter militar da Orde de Santiago ou o contiguo castelo de Pambre.
De estilo posterior, renacentista, é o retablo pétreo no que se representan dous episodios: a Cristo morto nos brazos da súa nai e a Cristo saíndo do sepulcro.
|